Wednesday 22 de May de 2024

Os nadadores María Vilas e Manuel Davila, gañadores absolutos da décima edición da Gala do Deporte de Riveira


A Gala do Deporte de Riveira alcanzou onte a súa décima edición nun Auditorio cheo no que se quixo distinguir aos mellores deportistas, clubs, entidades e colaboradores na tempada 2014.

Nesta ocasión, a nadadora do Club Natación Riveira, María Vilas, e o seu compañeiro de equipo Manuel Davila se erixiron nos mellores deportistas absolutos en categorías feminina e masculina, en tanto que o Natural Sport Videlgi repitiu como mellor club.

A Gala, de hora e media de duración, estivo conducida polo cómico riveirense Quico Cadaval, quen co seu particular estilo fixo que as gargalladas fosen constantes ao longo do evento. Antes, o espectáculo principiara cun vídeo de máis de oito minutos de duración na que veciños da cidade lembraban o moito que cambiou e se diversificou o deporte no municipio ao longo das últimas décadas.

Mencións especiais
Tras as verbas introdutorias do concelleiro Juan Luis Martínez, primeiro bloque tivo como protagonistas ás mencións especiais, que foron destinadas aos corredores populares Juan Antonio Gude Vila e Carlitos Pardavila, a Abraham Benítez (organizador a Carreira da Guía), ao Sálvora C.F. polos seus éxitos colleitados nas categorías prebenxamín, benxamín e sénior; e ao equipo de fútbol sala Integrados.

O seguinte turno estivo dedicado aos mellores deportistas sub 18 (Adrián Jiménez e Laura Dosil, ambos do Club Natural Sport), ao mellor labor técnico (o adestrador do Club de Alto Rendemento de Madrid Álvaro Reiriz) e os mellores deportistas masculino e feminino de disciplinas non olímpicas, que foron para Iván Parada e Miriam Santiago (ambos do Club Kempo Barbanza), respectivamente.

Nos terceiro bloque premiáronse o labor artbitral (Vicente Sánchez, especializado no atletismo), mellor evento deportivo (a Velada de Boxeo Cidade de Riveira organizada polo Club El Canario), , promoción do deporte escolar e deporte base (Club Atletismo Riveira), patrocinio deportivo (Revolutrion) e Mellor Club (Natural Sport).

Finalmente tería lugar as categorías máis importantes, nas que xunto con María Vilas e Manuel Davila como gañadores absolutos, tamén se entregaron os galardóns ao deportista masculino de deportes de equipo (Pablo Lijó na especialidade do pádel) e os mellores deportistas discapacitados, Álex Vidal (do Club Natural Sport) e Patricia Melón (de Amicos).

A gala finalizou como vén sendo tradicional coa intervención do alcalde Manuel Ruiz, quen facéndose eco do amosado no vídeo introdutorio resaltou como a implicación da sociedade na práctica deportiva conseguiu que hoxe en día Riveira se distinga por ser un pobo totalmente volcado no deporte.